Inicio Interese Hipólito Barriguín

Hipólito Barriguín, o señor de Catroverde de Campos.

  • by Admin
  • Outubro, 2016

Máis dun centenar de persoas congregáronse o domingo no convento franciscano de Castroverde de Campos, unha pequena poboación zamorana de apenas 400 habitantes. A maioría, exalumnos e familiares, pero tamén veciños presididos polo seu alcalde, Cecilio Lera Blanco, quen agora rexenta este convento de xestión municipal.

Foi unha homenaxe ao seu último morador, frei Hipólito Barriguín Fernández, quen habitou o convento durante oito anos, ata 1993. A Hipólito deulle tempo a escribir aquí dous libros: sobre a historia do convento e sobre a historia do pobo e, por iso, é con toda propiedade o señor de Castroverde de Campos.

Este convento zamorano forma parte da historia sentimental de todos os exalumnos do seminario franciscano de Herbón, pois moitos fixeron aquí o seu primeiro curso de bacharelato. A visita do domingo aproveitouse para homenaxear tamén a todos os profesores da época e, moi singularmente a frei Salvador Baltar Duyos. Ante a súa tumba, o exalumno Andrés Láiz depositou un ramo de flores e senllas palabras de recordo e agradecemento. Pero tamén houbo agradecementos para un frade felizmente vivente, Magín López Novoa.

Unha comisión organizadora integrada por Baldomero García Boto, Ana María Ramos e Juan Ramón Veciño dispuxeron unha misa oficiada por frei Enrique Roberto Lista quen, ademais de destacar a vixencia dos valores franciscanos, tamén valorou a importancia do convento de Castroverde. Unha misa que foi cantada a dúo pola Schola Cantorum Herbonensis e o coro local, baixo a experta batuta de Manuel Rico Verea e con Jesús Sanz Tena aos teclados.

Ao final, o exalumno e veciño do pobo Antonio Custa Porqueras, de 97 anos, recibiu o título e diploma de Cabaleiro Franciscano de mans do presidente dos Encontros Anuais, Juan Manuel Carpinteiro Rama e ante a atenta mirada do presidente da Asociación Sociocultural de Amigos de San Francisco de Asís (ASAFA), Ricardo Seguín.

Na primeira planta do claustro desenvolvéronse os actos de homenaxe, consistentes nunha placa, unha fotografía, un recital no que Tino Barriguín proclamou o “Cántico das criaturas”, acompañado á guitarra por Julio Agra, e a exhibición dun vídeo-homenaxe. Todo iso seguido por unha visita guiada ás instalacións do convento

O alcalde Cecilio Lera debullou algúns proxectos para o convento, singularmente o da súa progresiva rehabilitación ata convertelo no centro cultural da villa con actividades diarias.

A comida de confraternidade celebrouse en Medina de Rioseco, o pobo natal do cardeal franciscano e arcebispo emérito de Sevilla, frei Carlos Amigo. Boa parte da delegación galega desprazouse o día antes a Cacabelos, onde foron recibidos calorosamente polo exalumno Luís Gallego no seu Hotel Villa de Cacabelos.

+