Inicio Encontros Xantar de Nadal 2016

O libro "Herbón na lembranza", a grande novidade no xantar de Nadal.

  • by Admin
  • Decembro, 2016

O libro “Herbón na lembranza” constituiu a grande novidade no decurso do Xantar de Irmandade de Nadal, celebrado o domingo 18 no convento de Herbón, e ao que asistiron medio cento de persoas.
Como sempre, os exalumnos da meseta foron os máis madrugadores e fixérono por partida doble: en Valladolid e Segovia.

Os amigos e compañeiros de Madrid e bisbarra mantiveron dous encontros de amizade: o 7 de maio en Valladolid e o 10 de decembro en Segovia, unha cidade acolledora, radiante de sol e con alumeado de Nadal, onde foron acollidos no Fogón Sefardí, a carón da Praza Maior, para celebrar “o agasallo máis prezado que nos da a vida: a amizade que nos xungue”, segundo expresión feliz dun dos asistentes.

Pola súa banda, os galegos xuntáronse en Herbón.
A misa foi oficiada polo exalumno frei Henrique Lista, quen desexou a todos paz e ben de Nadal e panxoliñas. Frei Henrique estivo acompañado pola Schola Cantorum Herbonensis, con Xosé Luis Reza como director e organista.
De seguido servíronse uns viños e aperitivos no comedor dos exalumnos, mentres que o xantar servíuse no antigo refectorio dos frades.
A grande novidade nesta ocasión constituino o libro “Herbón na lembranza”, de Xosé Luis Rivas Guisado, quen recupera a memoria histórica do seminario franciscano nunha época clave, 1947-1951, os anos da fame. O libro, de preto de medio milleiro de páxinas, relata non só a vivencia persoal de Rivas senón tamén a colectiva ao engadir numerosos testimonios de exalumnos.

A reunión rematou cun convite de cava e bós desexos de Nadal e Aninovo entre todos os asistentes.

+