O XV Encontro Anual de Exalumnos coincidiu este 6 de Agosto ca Festa do Pemento de Herbón, que nesta ocasión volveu á carballeira centenaria dos frades. Unha feliz coincidencia xa que os pementos foron traídos hai varios séculos polos misioneiros de Herbón desde México.
O XV Encontro Anual de Exalumnos do Seminario Franciscano de Herbón resultou un éxito de asistencia e participación ao concurriren duascentas persoas. O arcebispo frei Xosé Rodríguez Carballo presidiu este Encontro e mesmo inaugurou o novo Salón de Actos coa súa conferencia sobre “O ano da misericordia”, o que lle servíu para por en valor os valores franciscanos “vixentes na vida con ou sen relixión, pois son valores profundamente humanos”, dixo diante do ministro provincial, frei Xosé Antonio Castiñeira, e o guardián, frei Honrubia.
Juan Donoso Valdivieso Pastor foi elixido este ano pola maioría dos exalumnos como Esclavina de Prata 2015, unha maneira de distinguir o seu traballo esforzado de dirección e coordinación das cinco exposicións itinerantes de Nadal celebradas en Galicia co gallo dos 800 anos da chegada de San Francisco de Asís a Compostela, un galardón que recibiu de mans do arcebispo e que previamente foi recoñecido polo presidente da Comisión Organizadora dos Encontros, Xoán Manuel Carpintero Rama, quen destacou que “este espíritu de Nadal de paz e ben que transmiten os beléns tamén hai que estendelo ao resto do ano”.
No decurso do xantar foron investidos novos Cabaleiros Franciscanos e recibiron a súa correspondente acreditación os seguinte once exalumnos: Álvarez García, Carlos; Camino Castro, Ramón; Costa Otero, José Manuel; Crespo García, Pedro; García González, José Antonio; González Pateiro, José Manuel; Martínez González, David; Lafuente Castroagudín, Ricardo; Lamazares Silva, Jesús; Vázquez López, Antonio; Vázquez Vázquez, Secundino; e Vega Rodríguez, Alfredo.
Pola súa banda o exalumno Xosé Castro Ratón sinalou hai xa uns días os retos do futuro inmediato, “agora, baixo a dirección da Orde Franciscana, unha Fundación da que turran os antigos alumnos, persigue reforzar a función do albergue de peregrinos, crear un museo e catalogar o fondo bibliográfico e documental, tarefas que forman parte dos obxectivos que agardan pola necesaria achega de recursos económicos, técnicos e humanos”.