Foise antes de tempo (68 anos) e agora xa é pasado. El, que era un home de historias, tamén xa é historia. Tiña múltiples proxectos en marcha, pero a Hipólito Barriguín (Viñayo-León, 1947 – Santiago de Compostela, 2016) empezóuselle a parar a corda do reloxo en decembro, fai só tres meses: a recompilación do medio centenar de conventos franciscanos en Galicia, a rehabilitación da figura ’inconmensurable’, segundo el do leonés frei Atanasio López, académico da lingua galega,… e unha homenaxe ao seu admirado frei Antonio Tembra, falecido en 2009. Era un fervedoiro de ideas e proxectos e, seguro que nese máis aló onde estea, lembraralles aos seus novos colegas as súas antigas obras, vidas, andanzas e milagres.
Así, a súa última obra publicada, “Castroverde de Campos no século XVIII”, non é un libro de literatura, nin sequera de literatura histórica, senón un completo recordatorio para coñecer a situación real dunha vila que foi de reguengo, e moi querida para os franciscanos.
O Catastro do Marqués da Enseada foi o punto de partida cunha declaración xurada de todos e cada un dos veciños da vila. Por tanto, axudará aos aldeáns a coñecer mellor de onde veñen e quen son os seus devanceiros. É un libro non para ler de vez ou por etapas, senón para esculcar: quen foron fai un par de séculos atrás.
Quero saber cousas certas sobre o Hospital do que oín falar e constatar onde estaba? Na “rúa do hospital”. Oín falar de que este pobo estaba amurallado e quero saber a localización exacta das murallas, das portas e dos portillones? É dicir, é un libro para coñecer moitas noticias curiosas, e non de oidas, senón lendo o que dixeron todos e cada un dos veciños, baixo xuramento de dicir a verdade.
O traballo do autor foi longo e duro e, por iso, dámoslle as grazas, aínda que o mellor agradecemento é utilizalo para mellor coñecer a nosa historia
, proclamaba o alcalde de Castroverde de Campos, o socialista Cecilio Lera, no acto da presentación oficial desta obra, composta por dous tomos e máis dun milleiro longo de páxinas.
Persoalmente tiven o pracer de compartir con Hipólito longas horas de charlas e algúns proxectos, como os preparativos da publicación da “Viaxe de San Francisco” ou a estrea en Internet do seu mestre, frei José García Ouro. Era reservado pero sempre entusiasta e alegre, como nos tempos nos que o coñecín en Herbón. Pero quedounos pendente, entre outras cousas, unha viaxe á abadía de Sainte-Colombe de Saint-Denis-lès-Sens, a 200 quilómetros de París, pois el quería indagar nas orixes españolas desta santa, Colomba ou Comba.