Trátase dunha teima de frei Hipólito Barriguín, arquiveiro da Provincia Franciscana de Santiago, quen ve en frei Atanasio López (Boñar-León, 1876 – Santiago de Compostela, 1944) un dos franciscanistas máis importantes dos dous últimos séculos. De feito, o seu libro Viaje de San Francisco de Asís a España, publicado orixinalmente en 1914, segue tan vixente coma o primeiro día e, por iso, agora se reedita de novo nunha edición ao coidado de frei Hipólito.
Neste traballo, escrito hai un cento de anos por frei Atanasio López, recóllense as tradicións e lugares nos que se afirma que pasou, estivo ou mesmo edificou algún convento o santo de Asís.
Documentos históricos daqueles tempos, é dicir, do século XIII, non existe ningún en ningures. Tradicións e lendas que algúns sitúan neses anos encóntranse algunhas. Do século XIV tampouco hai nada. E a primeira nova que se atopa en fontes franciscanas data dos últimos anos do século XIV, concretamente una obra titulada Actus Beati Francisci et Sociorum Eius, que despois popularizouse nas afamadas Floriñas, unha traducción ao italiano dos Actus Beati Francisci. Precisamente é nesta obra onde encontramos que Francisco de Asís peregrinou a Compostela.
Que hai de verdade ou lenda nesta afirmación? Moi complexo aportar unha resposta concluínte e ogallá que algún día se encontre algún documento que convirta estas lendas e tradicións en feitos históricos.
Ademais deste libro, presentouse o 11 de febreiro o manuscrito “Algunos cortes de arquitectura” de Francisco Antonio Fernández Sarela, acto que presidiu a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e o provincial dos franciscanos, frei Xosé Antonio Castiñeira.