O libro “Memorial de las Cosas Notables de este Colegio de Herbón” (1756), de frei Antonio de Herosa, recolle a historia desta casa franciscana desde a súa fundación (1396) e, sobre todo, a súa etapa misioneira cando o convento se convertiu en colexio de "propaganda fide", formador de máis dun cento de predicadores en Hispanoamérica saídos todos da bisbarra da comarca do Sar, como destacou na presentación o historiador Hipólito Barriguín. Esta obra, ademais, descubre en frei Antonio de Herosa a un auténtico vangardista da Ilustración en Galicia.
Hipólito Barriguín fixo un percorrido pola historia deste convento, desde a súa fundación en 1396 por Frei Gonzalo Mariño e Frei Pedro Nemancos, nuns terreos doados polos coengos de Iria Flavia. Ata 1700 foi lugar de retiro para a vida dos frades, primeiro co nome de convento de San Francisco e despois xa co de San Antonio, co que se coñece polo menos desde o século XVI. Desde 1701 foi colexio de misións. En centros coma este pasaban os relixiosos polo menos dous anos antes de ir ás misións a América. Herbón funcionou como tal ata a desamortización de 1835. Para adaptalo á súa nova función o convento reconstruíuse case por completo, cunhas obras que remataron en 1767.
O XIX foi un século turbulento no mosteiro. En 1809 sufriu o saqueo das tropas napoleónicas. Coa reacción absolutista de 1814, e logo en 1823, foi empregado como cárcere para clérigos liberais. A desamortización de 1835 supuxo a exclaustración dos frades. O convento salvouse da ruína pola intervención do Concello de Padrón, que o administrou ata o 1865. O concello arrendaba o convento e a horta por períodos de tres anos, coa condición de conservalo intacto e non talar o bosque. Durante vinte anos foi rexido polo Arcebispado de Santiago, que estableceu alí un seminario menor. En 1885 volveron os frades a Herbón, e seis anos despois fundaron o Seminario Franciscano. Aquí comezou a súa historia contemporánea como centro educativo, que rematou en 1994.
Aínda que non fose a intención do autor, segundo o filósofo Gaspar Calvo Moralejo, nas súas notas deixou tamén escrita parte da historia das terras de Iria. Centos de datos de interese económico-social, a descrición de Herbón naquela época, a relación dos relixiosos cos seus veciños, mesmo tamén algúns litixios, a relación de todos os veciños nome por nome de moitas parroquias, a introducción dos pementos, as pesqueiras das lampreas, a palmeira de Xoán Rodríguez…
Grazas ao inxente traballo de documentación de Herosa, e ao posterior de José Luis Soto, queda así rescatado un anaco importante da memoria colectiva das terras do Sar, Barbanza e Pontevedra norte. Os Anexos son dous volumes de 500 e 535 páxinas de compilación documental complementaria á obra orixinal de Herosa. Gaspar Calvo lembrou o vello dito de “Se a ti non te converte un frade de Herbón, para ti non hai perdón”, para destacar a importancia e influenza histórica dos frades en toda a comarca.
A presentación celebrouse o día 26 de setembro no Convento de Santo Antonio de Herbón nun acto ao que asistiron medio cento de persoas e que pechou o Provincial dos franciscanos de Galicia, frei José Antonio Castiñeira, quen sinalou que este convento “sempre foi o referente dos centros de formación dos franciscanos” e, por iso, “moi querido para todos nós e, afortunadamente, hoxe coa presenza dunha fraternidade importante”. O acto rematou cun viño do convento, un agasallo do gardián de Herbón, frei Francisco Xabier Honrubia.